Aser Álvarez: “Casa Galeguesa é a historia dun soño cociñado a base de traballo e vontade, a pesar das dificultades”

Aser Álvarez: “Casa Galeguesa é a historia dun soño cociñado a base de traballo e vontade, a pesar das dificultades”

Casa Galeguesa, e as galeguesas, é un dos proxectos innovadores ligados á gastronomía e á tradición rural de Galicia que máis destaca nos últimos anos. Falamos con Aser Álvarez das súas orixes e dos seus plans de futuro

Como e cando nace Casa Galeguesa?

Casa Galeguesa é un restaurante con crianza propia de gando vacún que está na rúa Oporto de Vigo dende hai case dous anos, que foi cando decidimos pechar o círculo da produción e da confianza cos clientes, abrindo o noso primeiro restaurante e unha sala de despece propia, onde elaboramos artesanalmente cada Galeguesa.

Detrás deste local hai máis de dez anos de traballo para a recuperación dun monte en Celanova (Ourense), que ardía todos os anos, para transformalo nun pasteiro onde poder criar animais de xeito respectuoso e sustentable. Decidimos abrir a sala de despece, para garantir a trazabilidad, e inventamos a Galeguesa, un produto diferente e saudable, con menos do 8% de materia graxa, elaborado artesanalmente con carne de vacún.

Cantas persoas estades involucradas neste proxecto?

Aínda que somos unha pequena empresa familiar, agora mesmo xa temos unha equipa multidisciplinar e moi nova formada por dúas persoas, que levan a finca, seis no restaurante, dúas na sala de despece e outras tres na parte comercial, de xerencia, dirección estratéxica e novos produtos.

En que circunstancias criades as vosas vacas?

Criamos o gando de xeito sustentable e natural, pacendo libre en grandes fincas de pasto autóctono e seguindo os ritmos da natureza na xestión da terra e no manexo dos animais. A transformación deste monte abandoado para facer un pasteiro, co método de sementeira directa de herbáceas autóctonas, foi un proxecto innovador de recuperación dunhas terras ermas, onde contamos coa inestimable axuda de Juan Piñeiro, enxeñeiro do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e o seu gran equipo.

Que supón terdes hoxe unha granxa coas características da vosa?

A nosa non é o que se entende por unha granxa. É un proxecto empresarial integral, medioambiental e socialmente comprometido, que supón unha aposta clara por crear riqueza, emprego e paisaxe nunha das zonas máis subdesenvolvidas do rural galego, innovando a partir da tradición. Por exemplo, a nosa finca acolle o Centro Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroz, que foi promovido polo colectivo Arraianos e apoiado polo Grupo Galeguesa. Neste espazo facemos terapias con animais para discapacitados e colectivos desfavorecidos, ademáis de cursos monográficos, actividades culturais, rutas guiadas, visitas e obradoiros, para que as novas xeracións poidan achegarse ao mundo rural, coñecelo, experimentalo e saber que é unha alternativa real de vida.

Como responde o público ao voso xeito de produción e máis ao voso produto final?

Dun xeito moi positivo, por iso decidimos montar o restaurante de Vigo, hai un par de anos, e agora estamos deseñando unha estratexia de expansión comercial e empresarial para consolidar o proxecto, con varios modelos de negocio hostaleiros propios e franquiciados, pero mantendo sempre o compromiso mediambiental e social do grupo e a máxima calidade dos produtos da marca Galeguesa.

A carne empleádela unicamente no voso restaurante ou tamén a distribuídes a outros restaurantes, supermercados…?

Aínda que a idea é cada vez máis pechar o círculo dende a produción até o cliente final, tamén estamos atendendo a demanda de comedores escolares ou de cooperativas de consumidores, que coñecen a finca e o noso método de produción e confían en nós. E, para que te fagas unha idea, a a burguer escollida por Pepe Solla para traballar nos seus locais de Madrid é a Galeguesa. Por algo será…

Que ingredientes leva unha Galeguesa?

A Galeguesa está feita de xeito totalmente artesanal con carne picada de vacún, un pouco de ourego, allo e pirixel. Contén menos do 8% de materia graxa, que é outra das cousas que diferencia o noso produto do resto de burguers que hai no mercado, por iso é saudable e natural. “Galeguesa é carne que sabe a carne, coma a de antes”, comentan algunhas persoas maiores que son clientes fieis de Casa Galeguesa e que nunca antes pensaran en comer unha burguer…

Ofrecedes máis produtos aparte da Galeguesa?

Agora mesmo estamos a desenvolver novos produtos coa nosa materia prima, que en breve lanzaremos ao mercado a través dos nosos locais e en puntos de venta específicos, pero a Galeguesa segue a ser o noso produto estrela.

Onde podemos degustar unha Galeguesa?

No noso local da rúa Oporto de Vigo e en breve tamén noutros locais que imos abrir, en Galicia e fóra, e na Carriña Galeguesa, un foodtruck moi singular que estamos a deseñar e que en breve veremos polas rúas, festas, eventos e feiras. Tamén estamos valorando a posibilidade de introducir os nosos produtos nalgúns puntos de venda de produtos de calidade e mesmo vender directamente a través da web, pola alta demanda que estamos a ter dos nosos clientes.

Que plato recomendarías da vosa carta para os lectores?

A Galeguesa de Tempada, unha receita que renovamos en cada estación do ano, combinando a Galeguesa con queixos galegos e cos mellores produtos de tempada da nosa horta.

Cales son os vosos plans a curto e longo prazo? Ides levar a marca Galeguesa fóra de Galicia?

Temos un plan estratéxico moi ambicioso, a medio e a longo prazo, que por suposto pasa por levar a marca Galeguesa fóra de Galicia e facelo da man dos mellores produtos do noso país. Pero queremos ir paso a paso, medrando pouco a pouco, a lume lento e sen renunciar nunca á máxima calidade do produto e ao esmero na elaboración, nin tampouco ao compromiso social e medioambiental da nosa empresa.

Que lugar ocupa Internet e as redes sociais no voso modelo de negocio?

É moi importante porque a historia de Galeguesa é a historia desa Galicia que queremos para o futuro, innovadora, auténtica, loitadora e orixinal. É a historia dun soño cociñado a base de traballo e vontade, a pesar das dificultades. Queremos que os nosos clientes sexan partícipes e cómplices do proxecto global, dende a sustentabilidade da finca onde criamos os animais e a elaboración artesanal dos produtos até o irrenunciable compromiso social e medioambiental dun grupo empresarial que loita contra o lume, creando paisaxe, emprego e riqueza no rural galego. Iso é Casa Galeguesa…

Deja un comentario

Cerrar Menú